Edith Stein
Edith Stein, nada en Breslavia (antes Alemaña, hoxe Polonia) o 12 de outubro de 1891 e finada en Auschwitz o 9 de agosto de 1942 foi unha filósofa xudía e relixiosa carmelita asasinada polos nazis, proclamada pola Igrexa Católica como patroa de Europa.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nada no seo dunha familia xudía, era a menor de doce irmáns. Seu pai era comerciante. En 1916 entrou na Universidade de Gotinga. Chegou a ser discípula e colaboradora do filósofo da fenomenoloxía Edmund Husserl a quen seguiu como asistente en Friburgo. Edith Stein participou da superación do idealismo de Kant afirmando á volta aos obxectos, á cousa mesma. Deu unha orientación personalista á fenomenoloxía do seu mestre, buscando unha fundamentación filosófica á ciencia psicolóxica emerxente. A súa tese de doutoramento foi sobre O Problema da Empatía á que seguiron os escritos Causalidade Sintiente, Individuo e Comunidade, Unha investigación sobre o estado e Estrutura da persoa humana. Chegou a elaborar unha auténtica antropoloxía contrastándoa co saber científico e partindo da súa Introdución á Filosofía.
En 1915 serviu na Cruz Vermella atendendo aos feridos durante a primeira guerra mundial no lazareto de Mähris-weisskir-chen tras recibir clases de cirurxía e epidemias de guerra.
Militou no Partido Democrático Alemán, de corte centrista, e colaborou na implantación da Xuventude democrática. Dende o punto de vista académico, atribuíu á súa condición de xudía e de muller, as dificultades de asentarse en Gotinga, en Friburgo e en Kiel, chegando a escribir unha carta de protesta ao Ministro de Ciencia, Arte e Educación pola postergación das mulleres. Unha das súas constantes foi a loita contra a marxinación da muller na participación política e no mundo universitario. Pertenceu á Asociación Prusiana polo voto feminino.
Influída por unha lectura de Tareixa de Xesús converteuse ao catolicismo, o que considerou unha derivación natural da súa fe xudía e non unha renuncia á mesma. Ingresou na Orde Carmelita e continuou coas súas investigacións filosóficas así como con labores de promoción intelectual e social da muller (unha das súas obras leva por título: Principios fundamentais para a formación da muller). Escribiu tratados filosóficos como Potencia e Acto e Ser Finito e Ser Eterno logrando unha síntese entre fenomenoloxía e Tomé de Aquino e Duns Scoto.
Ensinou no Instituto Alemán de Pedagoxía Científica de Münster, ata a súa destitución pola súa condición de xudía en 1933.
O 12 de abril de 1933, ao pouco da chegada de Adolf Hitler á chancellería do Reich, escribiu ao Papa Pío XI solicitando un pronunciamento do Vaticano contra o totalitarismo emerxente e o seu racismo.
Co fin de protexela do antisemitismo nazi foi trasladada pola súa orde relixiosa aos Países Baixos. Unha pastoral crítica dos bispos holandeses contra o racismo e o totalitarismo nazis que se leu nas igrexas o 26 de xullo de 1942, provocou a represión do catolicismo e o internamento e asasinato de decenas de miles de católicos non arios. Nesta operación, Edith Stein foi arrestada o 2 de agosto e recluída en varios campos de concentración e finalmente levada ao campo de exterminio de Auchswitz onde morreu cunha ducha de ácido cianhídrico, e sendo seguidamente calcinada. Cando foi deportada deixou dito: vaiamos a morrer co noso pobo.
Foi canonizada por Xoán Paulo II o 11 de outubro de 1998 quen a proclamou patroa de Europa o 1 de outubro de 1999.
Pensamento
[editar | editar a fonte]Edith Stein procurou amosar a manifestación dos principios metafísicos no ser humano. Diferencia os problemas da natureza dos problemas da subxectividade. Para ela o ser humano é liberdade, conciencia e capacidade reflexiva. Só quen se experimenta a si mesmo como persoa, como un todo significativo, pode entender a outra persoa. Se o home se pecha na súa ipseidade fica apreixado na cadea da súa individualidade, en consecuencia, modela aos demais á súa imaxe e falsea a verdade histórica.
Edith Stein concorda con Dilthey en que a facultade comprensiva que opera nas ciencias do espírito é o home enteiro. Subliña ademais a importancia do coñecemento da personalidade allea para o noso coñecemento; se se trata dunha personalidade semellante, esta esperta o que dormita en nós, se se trata de estruturas persoais diferentes, ilústranos sobre o que non somos, así o autocoñecemento vén da man da autovaloración. Para Edith Stein a verdade é soamente unha, pero se nos aparece como desperdigada en verdades que deben ser acadadas unha a unha ata chegar a un punto onde se descobren os grandes valores dos que falou Max Scheler .
Saltando da filosofía á teoloxía, Edith Stein rexeita que a misericordia de Deus se reducise aos límites da Igrexa visible, para ela Deus é a Verdade, nel Verdade e Amor coinciden, de xeito que, para ela, quen busca a verdade busca a Deus, sexa consciente diso ou non.
Fronte a Heidegger e á angustia dun ser para a morte, Edith Stein busca un fundamento sólido que esclareza o sombrío horizonte que envolve ao suxeito pensante:
o meu ser tal como mo encontro e tal como mo represento é un nulo, non procede de si mesmo e nada son dende min mesmo. A cada intre estou perante o nada, e en cada momento se me ten que regalar o serEndliches und ewiges Sein
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gil de Muro, Conversaciones con Edith Stein, una mujer arrancada del pueblo, Burgos, 2007. ISBN 978-84-8353-044-3
- Edith Stein, Escritos esenciales, introdución e edición de Jonh Sullivan, Bilbao, 2003. ISBN 84-293-1482-2
- Edith Stein, Sobre el problema de la Empatía, Madrid, 2004. ISBN 84-8164-630-X